“Val de extensos castañales enlazado co de Monterrei” escribiu sobre A Mezquita Ramón Otero Pedrayo; son terras de verdadeira serra e penechairas fracturadas cun clima oceánico de montaña, caracterizado por temperaturas medias baixas (5ºC no inverno e 15,5ºC no verán) e precipitacións altas. Por iso o nome do ámbito xeográfico no que se sitúa A Mezquita é a Terra das Frieiras, isto é, a terra na que se sente moito frío, unha temperatura á que se adapta ben a frieiresa, unha vaca autóctona en perigo de extinción.
"Está situada en un valle de grandes castañares, y su único núcleo de población, con 430 habitantes, tiene título de villa", dixo da Mezquita Vicente Risco en 1936. "Es un pueblo de estilo aldeano mezclado con casas modernas y dispuesto alrededor de un gran campo que sirve de plaza", engadiu en referencia ao lugar no que hoxe se sitúa a Casa do Concello.