A MezquitaPazo da Mezquita
Trátase dun extraordinario edificio pacego. A súa fachada, labrada en cantería,
destaca por acoller sinais de canteiro na maioría das súas pedras, o que se
explicaría polo traslado a este lugar procedente doutra edificación, posiblemente
unha torre medieval propiedade dos cabaleiros da Orde do Temple. O edificio
foi reconstruído no ano 1480, segundo consta nun epígrafe da súa fachada.
Foi ampliado con dúas alas laterais nos séculos XVII e XVIII, momento no que
se construíu un pórtico situado baixo unha solaina que dá acceso ás dependencias
de labranza. Este elemento, quizais tamén obra de Simón de Monasterio,
mostra unha bóveda de canón e presenta a ambos lados dous orixinais xanelos
de traza mixtilínea, un deseño que tivo máis éxito na arquitectura pacega lusa
que na galega.
Chama a atención a presenza dun arco de medio punto decorado cun alfiz,
unha moldura ricamente decorada que enmarca a parte exterior do arco que
cubre a porta de acceso principal e remata en ménsulas ornadas con bolas. O
alfiz aparece de novo encadrando unha xanela cuberta por unha lumieira na
que aparece labrada en altorrelevo unha pedra armeira dos Losada. O intradorso
aparece tamén decorado con bolas.
Foi propiedade da familia Cadórniga ou duques de Láncara, orixinaria da
Tierra de Campos, que chegou aquí en 1388 e tamén dos Losada e Sarmiento,
armas todas elas que aparecen representadas na fachada. Na actualidade o
pazo é unha propiedade privada non visitable.
O esplendor do Palacio, que é como o denomina a veciñanza, e da igrexa de
San Martiño explícase pola portaxe que os nobres obrigaban a pagar polo comercio
de viño e trigo que se movía nesta zona en época baixomedieval.