O Pereiro (do lat. petrariu, por ser un lugar abondoso en pedra) é unha aldea de desenvolvemento liñal que xurde vinculada ao Camiño. Ocupada polos portugueses en 1710, este núcleo presenta unha boa arquitectura popular, ademais dunha capela dedicada á Virxe do Loreto. A igrexa parroquial, dedicada a San Pedro, presenta unha fachada con porta baixo arco de medio punto formado por grandes doelas, mostra arquitrabe no centro do frontispicio, así como espadana con dous arcos xemelgos con arquitrabe no terzo superior prolongada no frontón triangular agudo. Remate de cruz de pedra. Na fachada sur aparece unha porta alintelada con frontón rústico semicircular con cruz e pirámides de bolas no tímpano.