O topónimo fálanos da abundancia dunha planta, o chaguazo, un arbusto de flor amarela. Neste núcleo, situado a sopé do castro do Cabezo, de acceso fácil e ben sinalizado, atopamos boa arquitectura residencial, como a Casa da Cerca, así coñecida polo enorme muro que a circunda. A igrexa parroquial de Santiago de Chaguazoso, construída no s. XVII e reconstruída no 1964, posúe un interesante retablo do que é autor o memorable escultor galego Xosé Ferreiro (1738-1830), o mesmo que labrara a batalla de Clavijo no compostelán Pazo de Raxoi. Seica Ferreiro, discípulo e xenro doutro escultor xenial, Xosé Gambino, chegou ao concello veciño de Hermisende de vello, despois de que finasen a súa muller, unha filla e unha neta.