Aldea situada na caeira duns “montes albos”, que estarían na orixe do seu topónimo. No exterior da fachada da igrexa de Sta María destacan catro canzorros figurados que serviron de apoio a un espazo cuberto hoxe desaparecido; no interior do templo cómpre ver unha expresiva imaxe do Crucificado situado nun arcosolio. Manzalvos posúe ata cinco destacadas casas grandes de boa factura construídas no século XVIII, entre elas unha con planta en forma de L, con miradoiro de madeira aberto ao patio, e outra con planta en U, porta baixo arco de medio punto e xanelas con arcos conopiais e un epígrafe no que lemos:

NICOLÁS YVAN Y ANTONIO / DE BRITO POR APELLIDO
SACER / DOTE DIOS LO QUISO HICIERON / ESTE
EDIFICIO. ANO 1716


O de Don Domingo é un muíño-vivenda de dúas alturas situado ao pé do río de Cádavos, preto de Manzalvos, que loce por un infrecuente balcón voado apoiado en canzorros. Na paraxe da Ribeira, a medio quilómetro ao N, atopamos un castiñeiro monumental duns 500 anos, 25 m de altura e un perímetro de 10,85 m.