logob

SantigosoIgrexa de San Simón

A igrexa parroquial data do s. XVIII e conta cun bo retablo barroco tallado en 1784 e uns interesantes altorrelevos figurados no intradorso do arco triunfal: unha representación do demo, unha serea marítima (símbolo do engano), floróns... unha presada de imaxes que representan o pecado e o mal situados no límite entre o mundo terreal (a nave) e o reino de Deus (o presbiterio). O templo foi anexo do de Santa María de Vilavella, que era de padroado laical, o que quere dicir que desde o s. XV era controlada e financiada polo Conde de Benavente, unha familia leiga rica.
Nunha antiga casa da aldea vese un gravado parello ao de Cádavos: cáliz con sagrada hostia sobreposta, entre dous candeeiros, “acaso do séc. XV”, en opinión de Rivas Quintas e Rodríguez Cruz. Na parte baixa vese: Xesús María con cruz patada sobreposta. Algo parello vese no adro da igrexa de Ganade. No ano 1506 fixo noite nesta parroquia o Cardeal Cisneros, rexente da Coroa de Castela en dúas ocasións, coincidindo coa Vista de Remesal (Sanabria) na que se atoparían Fernando o Católico co seu xenro, Felipe o Fermoso, para dirimir quen debía facerse cargo do goberno de Castela.

Terreo de soutos
O filólogo e etnógrafo Rivas Quintas cre que cre que Santigoso é claramente un nome abundancial con sufixo en -oso, latino serodio. Semella ser un primitivo (*terrenu) salticosu > *Sautigoso > Santigoso. O valor sería: "terreo de soutos". Parello debe ser Santigueiro en Parada do Sil e A Peroxa (Ourense), primitivos *terrenu salticariu.