logob

ChaguazosoIgrexa de Santiago

A igrexa parroquial de Santiago de Chaguazoso, erguida no s. XVII e reconstruída no 1964, posuíu un retablo tallado polo memorable escultor galego Xosé Ferreiro (1738-1830), o mesmo que labrou o magnífico retablo da igrexa da Esculqueira. Seica Ferreiro, discípulo e xenro doutro escultor xenial, Xosé Gambino, chegou ao concello veciño de Hermisende de vello, despois de que finasen a súa muller, unha filla e unha neta.
O templo posúe unha fachada de estilo neoclásico e fábricas de perpiaño de gran calidade. Ao parecer, algunhas das imaxes que se conservan no interior son obra do escultor barroco nado en Noia. Chaguazoso é abundancial do chaguazo, un substantivo que designa dúas cousas ben diferentes; pode referirse a un terreo augacento ou encharcado (na parroquia hai 14 fontes) ou ben a un arbusto da familia das cistáceas (en castelán jaguarzo) do que existen varias especies, con follas abrancazadas polo envés.

Un retablo perdido
Segundo Pérez Constanti (1898) o retablo do altar maior que tivo o templo que precedeu ao actual era de orde composta e destacaba pola riqueza da ornamentación. O que fora arquiveiro do Concello de Santiago descríbeo así:
No camarín central do primeiro corpo del de Chaguazoso, vese unha imaxe da Virxe baixo un ben tallado doselete oxival, e sobre pedestais aos lados da fornela que no segundo corpo garda a estatua ecuestre do padroeiro Santiago, dous fermosos querubíns ostentando verdes palmas na respectiva destra.