logob

A VilavellaPombeiro do Cachón

Situado no barrio do Cachón, trátase dun pombal (lat. palumbale) de planta cadrada que se sitúa nun lugar infrecuente, á beira do rueiro. Construído en cantaría irregular, o piso inferior foi a fragua dun ferreiro e hoxe é destinado a usos domésticos, mentres que o elevado acolle os nichos en pedra nos que durmían e criaban as pombas. No rural de Galicia non é raro atopar casas con pombas. As máis coñecidas son os pombais illados dos pazos e casas grandes, pero tamén hai outras casas máis modestas con pombeiros no faiado ou nunha construción adxectiva próxima, como é o caso.
Comer pichóns (lat. pipione, “que pía”) ou crías de pomba era unha delicatessen, un prato exquisito para días de festa sinalados do que gustaban as familias máis acomodadas. Álvaro Cunqueiro, no seu libro A cociña galega (1973), escribe: “En Galicia debeu de xantarse moito pichón. Pazos e rectorais tiñan pombais, — «palomar e ciprés, pazo es», di o refrán —, e nas aldeas, en cada unha máis de dúas casas tiñan pombas”. Un refrán popular confirma a imaxe dos pombais como símbolos de distinción social, así como o consumo restrinxido dos pichóns que neles se criaban: “As pombas do abade mantéñenas os veciños e cómeas o abade”.