logob

ManzalvosIgrexa de Santa María

O templo foi construído entre os séculos XVII e XVIII, aínda que o retablo maior é de estilo neoclásico do s. XIX e posúe boas tallas de Santa Bárbara, San Martiño, San Paulo, San Sebastián e da Nosa Señora co Neno. Tamén destacan unhas pinturas manieristas datadas no s. XVI que representan unhas pasaxes evanxélicas protagonizadas por Cristo e a Virxe.
No exterior da fachada da igrexa de Sta María destacan catro canzorros figurados que serviron de apoio a un espazo cuberto hoxe desaparecido; no interior do templo cómpre ver unha expresiva imaxe do Crucificado situado nun arcosolio. Manzalvos está situada na caeira duns "montes albos", o que estarían na orixe do seu nome, en opinión do filólogo Eligio Rivas Quintas.

Casas Grandes
Manzalvos posúe ata cinco destacadas casas grandes de boa factura construídas no século XVIII, entre elas unha con planta en forma de L, con miradoiro de madeira aberto ao patio, e outra con planta en U, porta baixo arco de medio punto e xanelas con arcos conopiais e un epígrafe no que lemos:
NICOLÁS YVAN Y ANTONIO / DE BRITO POR APELLIDO SACERDOTE DIOS LO QUISO HICIERON / ESTE EDIFICIO. ANO 1716