logob

CastromilIgrexa da Encarnación

O templo dedicado á Nosa Señora da Encarnación é un templo excepcional no ámbito da comarca. O seu altar maior conta cun magnífico retablo do s.XIX integramente labrado en granito dividido en tres rúas separadas por columnas de orde dórica. As rúas laterais acollen imaxes de madeira de San Roque (dereita) e Virxe María (esquerda) en cadanseu fornelo apoiadas sobre peaña; remátase nunha cuncha de vieira que recordan aos nervios dunha cúpula ilusoria. Estes elementos aparecen coroados cunha rosácea de seis follas inscrita nun círculo, un motivo decorativo que está presente en Galicia desde a prehistoria.
No alto, coroación típica de arquitrabe, friso e cornixa, co corpo central adiantado e de maiores dimensións. O segundo corpo aparece conformado por unha edícula central con fornela que acolle unha imaxe de Cristo unxido polo Espírito Santo flanqueado por catro estilizados pináculos de forma troncopiramidal. O topónimo Castromil procede dun híbrido de orixe latina-xermánica. Así Castru(m) é unha voz que procede do latín que significa “castelo, lugar fortificado”; vai unido á voz xermánica Miri (-mirus -> mereis) que significa “célebre, famoso”.

Altorrelevo
Nunha antiga casa próxima á igrexa existe un altorrelevo sorprendente, acaso do século XV: enmarcado nun rectángulo vemos, no centro, un cáliz con sagrada hostia sobreposta; a ambos lados, dous candeeiros e ao lado dun deles un atril cun libro.