logob

SantigosoCastro do Castelo Pequeno


Ao SE de Santigoso sitúase o alto do Castelo, un fabuloso miradoiro sobre o concello. Nunha cota inferior situada ao S atopamos un enorme castro datable na fase final da Idade do Ferro (ss. II a. C. - I d. C.) que se corresponde coa fase final da cultura castrexa. Esta aldea fortificada está formada por tres recintos que presentan boas defensas naturais, agás no sector norte, onde os seus habitantes levantaron un campo de pedras fincadas que dificultaban o ataque. O Castelo Pequeno emprázase nunha acrópole, un outeiro coroado por un afloramento natural de granito ou “castelo”, a 1254 m. de altitude, situado no medio da serra da Azoreira. É o castro máis alto e visible de toda a contorna. Desde o norte, onde se empraza o denominado Castelo Grande (1.249 m), o seu dominio visual é amplísimo, controlando non só as chairas e vales da Mezquita, senón tamén boa parte da Terra das Frieiras, parte das terras portuguesas de Tras os Montes e as zamoranas de Lubián e Hermisende.

A paraxe onde se empraza é unha superficie de erosión de alta montaña, con moitos afloramentos de granito en toda a zona, descarnada e pouco accesible, con solos pobres de pouca potencia e ningún río, tan só regatos subsidiarios do río de Cádavos. O castro está emprazado nun ámbito apto para a gandería e o pastoreo, pero non parece un asentamento dedicado só á economía agropecuaria se temos en conta o seu enorme tamaño e o amplo control visual que ten sobre o territorio. Cada un dos tres recintos está achairado sobre fortes terrapléns e amurallado con muralla pétrea de granito, que na croa (o recinto superior), a pesar do espolio, os derrubes acadan unha altura duns 10 m. No terceiro recinto, cara o sueste, a muralla ten 4,30 m. de anchura e loce un modelo construtivo en fiadas horizontais de aparello poligonal rechea de cachotería, semellante ao dos grandes castros da comarca limítrofe de Monterrei.

Os investigadores cren que este castro puido xerarquizar o territorio, integrando outros poboados prehistóricos en altura de menor entidade (O Carballarego, O Cabezo, A Cabeciña do Souto…), de forma que exercese o papel de oppidum ou cabeceira rexional con funcións socio-políticas e relixiosas. O xacemento puido especializarse no control da minería da rexión (estaño, ferro…) ou mesmo na súa transformación. Estamos diante dun grande poboado, considerado como unha auténtica protocidade, unha realidade bastante frecuente na zona meridional de Galicia e norte de Portugal.

Un dos máis grandes de Galicia
O Castelo Pequeno de Santigoso, cunhas dimensións entre 9,5 e 10 Ha é, xunto con San Cibrán de Lás, un dos castros máis grandes de Galicia despois de Santa Tegra (20 Ha). Durante a Idade de Ferro a media dos habitantes dos castros do noroeste peninsular era dunhas 200 persoas e pouco máis de 1 Ha. Situados estratexicamente, cada poboado levantábase de forma illada para non intervir no desenvolvemento doutras aldeas fortificadas e evitar así o conflito polo dominio dos recursos naturais. Os pequenos castros desaparecen coa chegada das tropas romanas. Xorden así os grandes castros do NW como este do Castelo Pequeno, que podería ser o resultado da unión de varias comunidades pequenas que buscaban formar unha entidade política maior coa que facer fronte á nova realidade.