Aldea raiana con Portugal, o seu nome deriva do verbo galego esculcar, sinónimo de vixiar, ollar ao lonxe. Desde antigo as guerrillas e os exércitos levaban sempre consigo esculcas, vixiantes ao axexo.
O templo de Santa Eufemia da Esculqueira posúe un fabuloso retablo barroco que tamén é atribuído ao escultor Xosé Ferreiro. Nel destacan a imaxe da santa titular, así como as cabezas de catro anxos situados na base das columnas de orde corintia que organizan verticalmente o conxunto.